Sunday 28 de April de 2024

Inés Rey: “O Castrillón é un dos berces da cidade, o lugar perfecto para comezar as festas dos barrios”


A alcaldesa dou inicio ás festas, que contarán cunha programación chea de actividades para todos os públicos entre os días 17 e 19 de agosto

O concerto gratuíto de Heredeiros da Crus será un dos actos centrais das festas, mañá ás 22.00 h

A alcaldesa, Inés Rey, dou inicio ás festas do Castrillón-Urbanización Soto esta tarde, logo dun pregón no que sinalou que “O Castrillón é un dos berces da cidade, por iso é o lugar perfecto para dar comezo ás festas dos barrios”. As festas do Castrillón-Urbanización Soto enmárcanse na celebración das Festas de María Pita, que na segunda quincena encherán de actividades os barrios nunha aposta do Goberno de Inés Rey por achegar a programación cultural a toda a cidade.

“Somos unha cidade de barrios” explicou Inés Rey, “e iso é o que fai necesario todo un mes de festas, que quedarían incompletas sen centrarse en cada un dos recunchos desta cidade, coma o Castrillón”. Ata o venres 19, o Castrillón contará con obradoiros, espectáculos infantís, xogos e verbenas para todos os públicos. O xoves 18 terá lugar a XIII edición do Concurso de Tortillas, unha das citas tradicionais da festividade, xunto co concerto de Heredeiros da Crus, no marco da súa xira do 30 aniversario. Este terá lugar ás 22.00 na Praza Pablo Iglesias “onde volveremos a ver unha praza ateigada como en anos anteriores, devolvendo o esplendor dos grandes eventos desta cidade tamén aos barrios” destacou a alcaldesa.

Inés Rey rematou agradecendo aos veciños e veciñas a súa colaboración, “porque a política faise desde a xente para a xente e se o Castrillón está tan vivo foi porque así o esixístedes” sinalou, “o mérito é todo voso”. Ao remate do pregón, comezou a sesión musical con ‘By.Kokee’ seguido do concerto de ‘Virtual Project’ ás 22.00 h, dando inicio ás primeiras festas de barrio.